O PP reclama no pleno a contratación de máis bombeiros para o parque municipal de Pontevedra

PONTEVEDRA> O Partido Popular de Pontevedra reclama no pleno municipal que se incremente o número de bombeiros no Parque Municipal. Segundo a formación, os efectivos sofren unha importante sobrecarga de traballo que afecta ao servizo que prestan. Para o goberno local, o parque pontevedrés sitúase entre os mellores dotados de toda Galicia. A moción foi o punto máis bronco da orde do día desta sesión do mes de setembro.

O conflito aberto entre o goberno local e a Xunta de Persoal do concello de Pontevedra volveu marcar o pleno municipal. Na sesión do mes de setembro, o Partido Popular presentou unha moción para reclamar que se incremente o número de bombeiros no Parque Municipal.

A encargada de dar a réplica a Pardo foi a concelleira de Seguridade Cidadá. Para Eva Villaverde, o pontevedrés é un dos parques mellor dotados de toda Galicia.

En canto á falta de persoal denunciada polo Partido Popular, Villaverde defendeu que en Pontevedra se acadan os 9 bombeiros por quenda. Dato que, asegurou, supera o rexistrado nos servizos doutros puntos de Galicia.

Pepa Pardo tamén cargou contra o feito de que fora Villaverde a que intervira na moción por parte do goberno local en lugar de facelo Carme Fouces, concelleira de Persoal, e foco central do descontento da Xunta de Persoal.