Noia prepara para esta fin de semana unha dobre cita cos deportes de contacto

NOIA> O venres 20 terá lugar unha velada de boxeo e o sábado 21 de MuayThai, Kick e K-1. A organización do evento corre a cargo do Club de Loita Noia en colaboración co propio Concello.

O salón de plenos foi o lugar escollido para a presentación desta dobre cita dos deportes de contacto organizada polo Club de Loita Noia en colaboración coa concellería de Deportes. O venres 20 abrirán cartel, ás oito e media da tarde, no aparcamento do IES Campo de San Alberto, dous combates de boxeo neoprofesional para continuar con seis pelexas de boxeo olímpico.

Xa o sábado, tamén a partir das oito e media da tarde, está prevista unha velada mixta con combates en varias especialidades: MuayThai, Kick e K-1. Nesta última disciplina poñerá o broche de ouro o combate entre o púxil afincado en Noia Silviu Vitez  e o portugués Diogo Silva, coa disputa do Campionato de Europa ISKA de menos de 57 quilos.

O aforo ós dous eventos será limitado,  atendendo á normativa covid. As entradas poden mercarse nos establecementos habituais, en A do Panadeiro e no Bar Ancora. O abono para os dous días será de 20 euros en grada e 30 en cadeira; mentres que para un só evento será de 15 euros en grada e 20 en cadeira.