A regata Pitusa Sabín será valedeira para o Trofeo Presidente Xunta de Galicia

PORTO DO SON> O Real Club Náutico de Portosín acolleu este mediodía a presentación da Regata Mar de Finisterre-Trofeo Pitusa Sabín que se disputará esta vindeira fin de semana, os días 21 e 22 de agosto. A proba, a máis lonxeva do club sonense, acada este ano a súa trixésimo terceira edición.

A regata Mar de Finisterre –Trofeo Pitusa sabín cumpre este ano trinta e tres edicións, converténdose na máis lonxeva das que organiza o Real Club Náutico de Portosín. Nela prevese a participación de ó redor dunhas 25 embarcacións chegadas dende diferentes clubs de toda Galicia. A proba será ademais este ano puntuable para o Trofeo Presidente Xunta de Galicia.

Dende hai sete anos conta co patrocinio do matrimonio formado por Pitusa Sabín e Jacinto Hernández,que exercen como mecenas desta regata.

A presentación contou ademais coa presenza do alcalde, Luís Oujo, que fixo alusión á importancia de poder acoller este tipo de probas, que se converten nun polo de atracción de visitantes. Oujo agradeceu a xenerosidade da familia Hernández-Sabín polo patrocinio da regata e destacou tamén o traballo realizado polo club anfitrión, que fai que cada vez se coñeza máis e mellor á localidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí