PONTEVEDRA> Traballadores de ENCE, sector forestal e empresas auxiliares únense para reclamar unha solución que garanta o mantemento dos seus postos de traballo. Sinalan ao Goberno central, á Xunta de Galicia e á propia empresa como os responsables de buscar alternativas para garantir a contiunidade da pasteira. Esixen a convocatoria inmediata e en Pontevedra da mesa de diálogo, e aseguran que continuarán coas mobilizacións.
Pasa o tempo, e os traballadores de ENCE continúan agardando solucións que garantan os seus postos. Esta mañá, comités de empresa, sector forestal e empresas auxiliares presentaron unha fronte común.
Do Goberno central, reclaman a convocatoria inmediata da mesa de diálogo para o futuro da pasteira, parada dende o mes de abril. Queren, ademais, que se faga en Pontevedra.
Tamén dirixen as súas reclamacións á Xunta de Galicia. Esixen ao goberno autonómico que asuma as súas responsabilidades en materia industrial.
Non se esquecen tampouco da empresa. Á dirección de ENCE reclámanlle unha postura activa na procura de alternativas para garantir a súa actividade.
A sentenza da Audiencia Nacional deu ata o 28 de setembro para presentar os recursos contra a súa decisión. Pero os traballadores temen que, se o Tribunal Supremo non o admite a trámite, se esixa a execución da sentenza e se paralice a actividade. Por iso continuarán cun calendario de mobilizacións que están a pechar.
Os representantes das empresas auxiliares e do sector forestal advertiron tamén do forte impacto que o peche de ENCE tería nas súas actividades.