RIBEIRA> A nova publicación, elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio en colaboración coa Fundación Juana de Vega, xorde para fixar criterios comúns e garantir a súa integración coa paisaxe.
Acompañada polo alcalde, Manuel Ruíz, e o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá en Ribeira a Guía de boas prácticas para a identificación e acondicionamento de miradoiros.
A Xunta escolleu ó miradoiro da Pedra da Rá como lugar no que dar a coñecer esta nova publicación, na que se recollen toda unha serie de recomendacións para fixar os criterios básicos á hora de seleccionar novos puntos de observación e á vez, determinar as pautas a seguir en futuras actuacións tanto para a mellora como para a habilitación de novos espazos.
A guía recolle 144 dos 472 miradoiros inventariados en toda Galicia, que foron seleccionados polo seu alto valor estratéxico e panorámico.
Na comarca do Barbanza, ademais do miradoiro do Pedra da Rá, inclúese tamén o miradoiro do Pico Muralla que comparten os concellos de Lousame e Rianxo.