POIO> Non hai marcha atrás. Mañá está previsto o peche da oficina de Abanca en Campelo, no concello de Poio. Hoxe dende as súas portas o BNG volveu denunciar a política bancaria de peches de sucursais, sobre todo nas parroquias e municipios do rural. Sinalan á Xunta de Galicia por non frear os peches e fan un chamamento á veciñanza para que retire os cartos e peche as contas que teña coa entidade.
Abanca prepara as súas últimas horas en Campelo, no concello de Poio. A partires de mañá, xestos tan cotiás como este de ir a unha sucursal da entidade será máis difícil para os veciños da zona.
A corporación mantivo unha reunión a semana pasada con responsables da entidade que xa lles trasladaron que non hai marcha atrás nesta decisión. De aí que o concello faga un chamamento á veciñanza.
O BNG rexeita tamén esta política da banca, que cualifican como desmantelamento organizado. Por iso levarán a situación ao Parlamento Galego.
Outros concellos que están a padecer o peche de entidades bancarias anunciaron tamén mobilizacións e protestas. É o caso de Portas, que o 22 de outubro verá como Abanca pecha a única sucursal do municipio. O exrexedor Roberto Vázquez anunciou que mañá se encadeará ás portas da oficina ata o venres e animou á veciñanza a acompañalo.