PONTEVEDRA> Pontevedra aposta por coidar dos que coidan. E faino coa primeira edición do programa ConCoidado, unha proposta que nace da iniciativa de tres profesionais de Enfermaría Familiar e Comunitaria. Son catro sesións semanais que se desenvolverán durante o mes de novembro, pensadas para mellorar os coñecementos e a vida das persoas coidadoras e axudalas a tecer redes de apoio entre elas.
Mellorar a calidade de vida das persoas coidadoras e das que están ao seu coidado é o obxectivo de ConCoidado, o programa que nace no concello de Pontevedra.
ConCoidado desenvolverase en catro sesións semanais durante o mes de novembro. No seu marco, ofreceranse coñecementos socio-sanitarios cun enfoque multidisciplinar. Falarase de envellecemento, de recursos sociais dispoñibles, de alimentación saudable, dos coidados da pel, da prevención de caídas, dos primeiros auxilios no domicilio, do autocoidado da persoa coidadora e de exercicio físico.
O programa impulsado por Benestar Social nace da iniciativa de tres profesionais de Enfermería Familiar e Comunitaria. Explican que, ademais da formación, ConCoidado busca tamén tecer redes de apoio.
ConCoidado vai dirixido a coidadores informais de persoas dependentes, na súa maioría mulleres de máis de 50 anos, e a persoal de atención socio-sanitaria. Haberá tres grupos, cada un cun máximo de 30 persoas. As sesións celebraranse no Centro Leste, a Casa Azul e o Centro Social Lérez. Os interesados poden inscribirse en apuntate.pontevedra.gal.











