Pontevedra prenderá o alumeado de Nadal o 5 de decembro como inicio dunha programación ‘elegante e divertida’

PONTEVEDRA> O Nadal arranca en Pontevedra o vindeiro 5 de decembro. É a data sinalada polo concello para o agardado prendido do alumeado. A partires dese momento, porase en marcha unha programación que o goberno local describe como elegante e divertida, con propostas descentralizadas e para todo tipo de públicos. Ademais, a maioría das actividades serán de balde.

Xa hai data para o arranque oficial do Nadal en Pontevedra. A cidade prenderá o alumeado o vindeiro 5 de decembro.

Así comezará toda a programación preparada polo concello para estender o Nadal polo concello. Segundo o alcalde, serán unha festas elegantes e moi divertidas.

Este Nadal haberá tres novidades. O 9 de xaneiro o Pazo da Cultura acollerá a representación do ballet O Quebranoces e o día 30 de decembro o Teatro Principal será o escenario dunha actuación dos Bolechas. Ademais, a recepción aos Reis Magos muda de escenario.

Repetirá o espazo a Estación do Bosque na Praza de España, Montero Ríos e alameda, coa tirolexa, a pista de xeo, o escorregadoiro e o tren. Todas serán de balde.

Tamén estarán o poboado de Nadal na Ferraría, os xogos no Recinto Feiral e as actividades no mercado e os centros sociais do municipio.

Todas estas actividades e outras moitas propostas poderán consultarse no programa das festas preparado polo concello. Editáronse 30.000, dos que 27.000 se repartirán polas casas e 3.000 estarán dispoñibles na Oficina de Turismo municipal.