CAMBADOS> Malestar no claustro de profesores do IES Cabanillas de Cambados pola redución de tres mestres para o novo curso escolar. O profesorado cualifica a decisión da Xunta de irresponsable, especialmente nun ano no que a matriculación aumentou no centro con máis de 20 alumnos novos. Segundo o claustro, esta medida obrigaraos a eliminar actividades educativas complementarias empeorando a educación pública.
O IES Cabanillas de Cambados contaba o ano pasado con preto de 380 alumnos. Unhas cifras que aumentaron neste novo curso, cuxa matriculación, a falta dun día para pecharse, xa superou os 400 inscritos. Pero ao contrario que o aumento do alumnado, o número de profesores verase reducido, pasando dos 43 aos 40, unha decisión da Xunta que dende o claustro de mestres cualifican de irresponsable.
A diminución do profesorado aumentará o ratio por aula, o que obrigará aos mestres a dedicar máis esforzos para controlar o cumprimento das medidas anticovid e a eliminar ou reducir as actividades educativas complementarias.
Segundo o claustro, a Xunta xustificou este descenso en motivos económicos. Unha decisión coa que discrepan os mestres do Cabanillas.
A Xunta tamén anuncio que diminuirá en dous mestres máis o profesorado o vindeiro ano. Unha rebaixa que deixará ao instituto con menos mestres dos anos prepandemia, o que dificultará aínda máis a organización dos horarios no centro e suporá a eliminación definitiva das actividades educativas complementarias. O claustro xa anunciou que mobilizarase para que educación rectifique e manteña ós 40 mestres actuais.