Así será a praza de Fefiñáns do futuro

CAMBADOS>  O Concello de Cambados proxecta a transformación da praza de Fefiñáns. Co espazo xa peonalizado, a idea é convertelo nun punto de encontro para veciños e visitantes. A humanización, contempla tamén a recuperación da escalinata da igrexa de San Bieito, destruída nos anos 70.

Así será a praza de Fefiñáns do futuro. O Concello de Cambados quere poñer en valor este emblemático espazo. Trala súa peonalización, a praza será sometida a unha renovación para convertela nun punto de encontro de veciños e visitantes.

Para iso, vaise humaniza-la praza, con novos farois e, por primeira vez, bancos para descanar.

Tamén se actuará na zona arborada, cun novo material drenante, aproveitando para renova-la rede de saneamento. Ademais, actuarase no acceso á praza pola avenida de Vilagarcía.

A actuación contempla tamén a recuperación da escalinata da igrexa de San Bieito, destruída nos anos 70 para facilita-lo paso de coches.

O proxecto foi deseñado pola arquitecta cambadesa Paula Alfonso. Ten un orzamento de 230000 euros, que serán financiados co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. As modificacións xa foron remitidas a Patrimonio.