Reclaman a institucionalización do Día da Galiza Mártir e a rehabilitación da figura de Bóveda

POIO> Hoxe é 17 de agosto, xornada na que se conmemora o Día da Galiza Mártir. Como vén pasando dende hai 25 anos, o acto central celebrouse este mediodía na Caeira, no concello de Poio, xunto o monumento que recorda o lugar no que foi asasinado Alexandre Bóveda. Dende alí reclamouse a institucionalización deste día.

Dende hai 25 anos, cada 17 de agosto, a Caeira convértese en epicentro das celebracións do Día da Galiza Mártir. E é que neste punto en 1936 era fusilado polos franquistas Alexandre Bóveda.

Durante o acto defendeuse que o significado deste día vai máis aló da figura de Bóveda. Por iso reclamouse a institucionalización do Día da Galiza Mártir.

Recuperar a memoria das persoas que viviron asoballadas foi unha das reivindicacións que marcaron o acto de hoxe na Caeira. Facendo fincapé na importancia de dar voz á historia.

O acto contou cunha importante presenza de representantes das corporacións dos concellos de Poio e Pontevedra. Ademais, este foi o primeiro ano do voceiro do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, no Día da Galiza Mártir.

A líder nacional do BNG, Ana Pontón, a eurodeputada nacionalista Ana Miranda, ou o deputado Luís Bará, foron outros dos cargos políticos que non faltaron a esta homenaxe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí