A conselleira de Infraestruturas avanza en Noia diversas actuacións hidráulicas

NOIA> O encontro serviu tamén para abordar a futura lei de xestión do ciclo da auga que permitirá achegar solucións integrais e definitivas para as necesidades do municipio en materia de saneamento, abastecemento de auga e depuración.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co goberno local. O sentido da xuntanza non era outro que abordar o novo anteproxecto de lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga. Un novo marco normativo co que a Xunta pretende apoiar ós concellos que así o desexen nunha xestión no abastecemento, saneamento e depuración das augas, ante as enormes dificultades técnicas e presupostarias por parte das entidades locais para poder levar a cabo un servizo axeitado.

O alcalde, Santiago Freire, aproveitou tamén a visita da Conselleira para agradecerlle o esforzo inversor do seu departamento co municipio. Así referiuse entre outras actuacións a obras actualmente en execución ou a piques de iniciarse como poden ser a rehabilitación de Pontenafonso ou a mellora da seguridade viaria na zona da Barquiña, onde se prevé a construción dunha nova glorieta.

Pero si algo destacou foi o importante investimento realizado nestes últimos anos pola Xunta en materia de saneamento e abastecemento de auga, onde se levan investidos máis de catro millóns de euros, incluíndo o propio Plan Director de Saneamento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí