Ata 70 cervexas artesás reúnense esta fin de semana na volta do Pontebirra

PONTEVEDRA> Pontevedra recupera a súa feira dedicada á cervexa artesanal. Produtores galegos e do resto do Estado volverán ter no Pontebirra un espazo para amosar as súas elaboracións. Será entre o 16 e o 19 de setembro na Praza da Ferrería, reunindo ata 70 tipos de cervexas diferentes.

Esta fin de semana Pontevedra brindará con algunhas das mellores propostas da cervexa artesá. A cidade recupera na Praza da Ferrería Pontebirra, a feira dedicada a estas elaboracións.

Haberá produtores de Pontevedra, Sanxenxo, Cangas, Vigo, A Coruña ou Lugo, pero tamén chegarán dende Madrid ou Toledo. Iso si, haberá catro menos que na primeira edición, apostando por un formato un pouco máis pequeno que facilite o cumprimento das normas anticovid.

A cervexa será, obviamente, a estrela da cita, pero non a única proposta. Haberá foodtrucks, xogos para nenos e dúas charlas: unha sobre o cultivo de lúpulo e outra sobre a elaboración de cervexa artesá.

A capacidade máxima será de 550 persoas e haberá 90 mesas dispoñibles.