Pontevedra agarda asinar a compra do convento de Santa Clara en outubro

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra avanza na compra do convento de Santa Clara. Xa ten no seu poder a taxación dos bens artísticos que, polo de momento, quedarán en depósito no inmoble. Son sete elementos históricos cuxo valor se movería no entorno dos 500 mil euros. Con este documento listo, a intención do goberno local é asinar a compra do convento no mes de outubro, por valor de 3,2 millóns de euros.

Pontevedra dá un paso máis no proceso de compra do convento de Santa Clara. O concello xa ten nas súas mans a taxación técnica dos bens artísticos que quedan no inmoble. Segundo o catedrático da Universidade de Santiago Juan Monterroso, estarían valorados entre os 471.000 euros e os 542.000.

Trátase dun retablo maior, dous retablos laterais, o coñecido como retablo de Nosa Señora dos Desamparados, o púlpito, os 24 asentos do coro e o órgano, todos eles elementos datados no século XVIII. Deles, o órgano é o de máis valor.

A partires da sinatura da compra, a orde das clarisas terá catro anos para decidir se levan as pezas ou as venden, sempre co permiso de Patrimonio. Chegados a este punto, o concello de Pontevedra poderá mercalas. Mentres, encargarase do seu mantemento.

Esta taxación permite ao concello iniciar o proceso administrativo para a compra do inmoble, que agardan se poida asinar en outubro.

Recordemos que por esta operación o concello terá que pagar á orde das clarisas 3,2 millóns de euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí