As redes sociais responden á petición do Refuxio de Cambados pero aínda se precisan fogares temporais para 36 cans

CAMBADOS> As redes sociais responden á petición de axuda do refuxio de animais de Cambados. As obras de mellora do centro, obrigan á protectora a dar en acollida aos cans de forma temporal. Nas primeiras horas xa atoparon fogar para 12 pero aínda quedan outros 36.

O concello de Cambados está levando a cabo unha obra de mellora das instalacións do refuxio de animais da vila. Unha intervención que impide o funcionamento con normalidade da protectora. Por iso, dende o refuxio necesitan dar en acollida aos animais mentres duren as obras.

Para os gatos xa atoparon unha localización. Agora necesitan atopar un fogar temporal para os 48 cans, dos cales 12 xa teñen unha familia de acollida. A situación desesperada da protectora deu un xiro tras pedir axuda polas redes sociais. A noticia foi compartida por miles de persoas nunhas horas.

A protectora de Vilagarcía tamén mostrou o seu apoio para acoller algúns dos cans. Pero aínda é necesario atopar un fogar temporal para os 36 animais que non o teñen. Os interesados poden poñerse en contacto coa protectora.

As obras que obrigarán a sacar aos cans do refuxio levaranse a cabo de xoves a domingo. Mentres avanzan as melloras da instalación, o traballo do refuxio non se detén. Un equipo do centro trasladouse hoxe a Alemaña para dar en adopción a tres cans.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí