O GROVE> Unha traballadora do casino da Toxa gaña unha denuncia contra empresa por incumprimento das condicións do contrato laboral. A empregada fora trasladada a Vigo sen recibir ningunha prestación pola mobilidade. A traballadora advirte que moitos máis compañeiros se atopan na mesma situación pero non denuncian por medo ao despido.
O casino da Toxa sempre foi un dos grandes reclamos da illa meca. O establecemento gozou de moito éxito noutras épocas pero na actualidade non vive o seu mellor momento. Segundo indican os traballadores, Luckia, que é a empresa que o xestiona está trasladando a todos os empregados a Vigo para fortalecer o outro casino da compañía. Uns traslados que algúns traballadores denunciaron por incumprir as condicións do contrato laboral.
O motivo da denuncia, é que a empresa traslada aos traballadores a Vigo sen ningún tipo de compensación pola mobilidade.
Romina foi a primeira en denunciar para evitar o traslado. Agora os xulgados danlle a razón e a empresa deberá repoñela no seu posto de traballo no Grove coas súas antigas condicións laborais. Ademais de recoñecerlle a súa antigüidade, xa que leva 14 anos na empresa encadeando ata 20 contratos. Moitos compañeiros non acudiron aos xulgados por medo aos despidos.
Os traballadores denuncian que a empresa o que está buscando é potenciar o casino de Vigo a costa de desmantelar o da Toxa. Segundo indican, todas as mesas dos campionatos de poker foron trasladadas a Vigo ao igual que a mesa de Blackjack e todas as ruletas agás unha.
O casino da Toxa no seu mellor momento chegou a ter contratados a máis de 100 traballadores. Na actualidade, segundo indica Romina, son 20 os empregados, unha cifra que podería diminuír aínda máis porque a empresa queren trasladar a oito a Vigo.
A sentenza a favor de Romina é unha esperanza para o resto de compañeiros que teñen as denuncias en marcha. De resolverse a favor, os resto de empregados denunciantes seguirán os seus pasos e manterán os postos de traballo no Grove.