Pontevedra deseña bolardos exclusivos para o proxecto de humanización de Monte Porreiro

PONTEVEDRA> Monte Porreiro, en Pontevedra, terá bolardos deseñados exclusivamente para o barrio cando se remate a gran praza pública que se proxecta para a rúa Alemaña. Serán oito pezas movibles e modulares fabricadas en Pontevedra que se empregarán para reordenar a mobilidade neste novo espazo.

Oito cubos fabricados en aceiro cortén axudarán a reordenar a mobilidade na nova praza pública que o concello de Pontevedra proxecta para Monte Porreiro. Son pezas singulares, deseñadas específicamente para o barrio.

As pezas están pensadas para soportar a intemperie cun mantemento mínimo. O seu creador é Rogelio Carballo, arquitecto encargado do proxecto de humanización que se está preparando para o barrio.

Estes bolardos modulares e movibles son cubos de 60 centímetros de alto, por 60 de ancho e 60 de fondo. Están fabricados en aceiro cortén e contan con iluminación interior e paneis de vidro semitemplado estrutural, fabricados pola compañía da cidade Cristalería Pontevedresa.

En canto ao proxecto de humanización do barrio, dende o concello agardan que estea listo nos vindeiros días para poder presentalo aos veciños e recoller as súas achegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí