O breaking ábrese paso no panorama urbano de Pontevedra da man de ‘A Vida é Movernos’

PONTEVEDRA> O breaking ábrese paso no panorama urbano de Pontevedra. Esta disciplina está integrada no programa A Vida é Movernos, impulsada dende a concellería de deportes do concello de Pontevedra. Son tres obradoiros, dos que xa se celebraron dous, para iniciar aos interesados nos pasos fundamentais desta danza.

Tres obradoiros para iniciarse nos segredos do breaking. Esta é unha das propostas da Vida é Movernos, promovida dende o concello de Pontevedra e acollida con gran éxito na cidade.

A avenida Montero Ríos é o escenario destas clases. Mañá celebrarase a última e por elas pasou público de todas as idades.

Ademais de servir de introducción ao mundo do breaking, o obxectivo é tamén prender o interese na rapazada. Para que a disciplina colla pulo no panorama urbano de Pontevedra.

E é que dende o Club Da Rúa recordan que o breaking en Pontevedra non remata mañá. Eles adestran todas as semanas na Casa Azul da cidade e sempre están dispostos a recibir novas incorporacións.