A Xunta apoia que os terreos de Ence pasen a formar parte do solo da Autoridade Portuaria de Marín

PONTEVEDRA> A Xunta apoia que os terreos de Ence pasen a formar parte do solo da Autoridade Portuaria de Marín. Esta mañá, os traballadores lle trasladaron esta proposta ao Conselleiro de Economía e á Conselleira de Emprego nunha xuntanza en Santiago. A Xunta comprométese, ademais, a levar esta opción ao Consello Consultivo para que emita un informe que a continuación se trasladará ao Goberno Central.

Os traballadores de Ence convencen á Xunta e o goberno galego toma como propio o argumento en favor de que os terreos da pasteira en Lourizán pasen a estar adscritos á Autoridade Portuaria de Marín. Esta mañá, o Conselleiro de Industria, Francisco Conde, e a titular de Emprego, María Jesús Lorenzana, mantiveron unha reunión en Santiago con traballadores da factoría.

O goberno galego ve con bos ollos esa solución xurídica que suporía que as instalacións de Lourizán se adscriban ao ámbito competencial da Autoridade Portuaria de Marín. Isto suporía que as instalacións  se desvinculen da lexislación de Costas e sexan sometidas á lexislación de Portos do Estado. Unha solución que –segundo indican- permitiría mante-la pasteira no seu emprazamento actual.

O principal argumento para xustificar esta modificación é que os portos son dominio público marítimo-terrestre, pero cumpren unha finalidade especial á hora de realizar e facilitar actividades económicas complexas e de interese xeral.

O goberno galego adiantou, ademais, que trasladará esta proposta ao Consello Consultivo para que emita un informe que será trasladado á Administración central para a súa aprobación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí