Fiscalía investiga o aluguer dos terreos da Canicouva para a planta de compostaxe do concello de Pontevedra

PONTEVEDRA> A Fiscalía investiga ao concello de Pontevedra polo aluguer dos terreos da Canicouva para a planta de compostaxe. A área de delitos económicos está a investigar o contrato por presuntas irregularidades no acordo, asinado no 2015. A investigación parte dunha denuncia do Partido Popular presentada o pasado 9 de novembro por un pago de 20.000 euros feito en febreiro deste ano, co contrato xa vencido. Dende o concello defenden que o contrato segue en vigor e que non hai irregularidades no expediente.

No 2015, o concello de Pontevedra e a comunidade de montes da Canicouva asinaron un contrato de aluguer por unha parcela que acollería a planta de compostaxe que quería construír o goberno local. Seis anos despois e tralo pago de 100.000 euros, non hai ningún avance neste proxecto.

O pasado 9 de novembro, o Partido Popular de Pontevedra levou o caso ante a Fiscalía de Delitos Económicos. Puxeron o foco no último pago, aprobado e realizado en febreiro deste ano por valor de 20.000 euros, co contrato inicial de catro anos xa vencido. Tras estudar a documentación, o Ministerio Público decidiu abrir dilixencias.

A semana pasada recollía máis documentación no concello sobre este expediente. Dende o goberno local seguen a defender a actuación respecto deste contrato.

Mosquera defendeu, ademais, que o contrato segue en vigor. E é que aínda que se asinara por un período de catro anos, tería unha cláusula adicional que explica que, se ningunha das dúas partes renuncia, o acordo prorrógase.

En canto á planta de compostaxe, o concello mantén a súa aposta polo proxecto. De feito, o centro figura no novo contrato de xestión de refugallos que está a tramitar o goberno local, co 2023 como horizonte.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí