A adhesión de Ence ao porto de Marín, a última ‘esperanza’ para o PP e ‘unha fraude’ para o Concello

PONTEVEDRA> Como unha fraude e unha trampa. Así cualifica o Concello de Pontevedra a proposta de vincular os terreos de Ence á Autoridade Portuaria de Marín. O goberno local entende que con esta proposta o único que se fai é crear ‘expectativas absurdas’. Pola súa banda, os populares de Pontevedra celebran a nova postura da Xunta. Falan dunha solución que podería solventa-las dúbidas xurídicas e permitir que a pasteira permaneza en Lourizán.

O Concello de Pontevedra non acaba de ve-la proposta de Xunta e traballadores de que os terreos de ENCE pasen a estar vinculados á Autoridade Portuaria de Marín. O goberno local tacha esta solución de ‘trampa’ e ‘fraude’. César Mosquera cre que non é máis que un intento por tentar salta-la sentenza que lle pon data de caducidade a ENCE en Lourizán, unha vía que xa se contemplara no 2005.

Lamenta tamén Mosquera que lanzando este tipo de ideas o único que se consegue e xerar expectativas absurdas. Non opina o mesmo o líder dos populares pontevedreses. Rafa Domínguez cre que esta vía é unha solución político-xurídica que permitiría mante-la pasteira no seu actual emprazamento e salva-los postos de traballo.

E confía en que o informe do Consello Consultivo ao que vai remitir a Xunta esta proposta abra unha vía de esperanza. Mosquera, pola súa banda, considera que a resolución do Consello Consultivo será un ‘ditame exotérico’ porque, entende o nacionalista, estaríaselle pedindo ao Goberno Central que busque unha vía prevaricadora para manter a Ence en Lourizán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí