42.000 cataviños, 44 adegas e concertos a diario para a LXXII Festa do Albariño de Cambados

CAMBADOS> Cambados xa conta os días para a súa semana grande. A septuaxésimo segunda edición da Festa do Albariño comezará o vindeiro 31 de xullo, garantindo cinco días de gran ambiente, ampla programación e dos mellores viños na vila cambadesa. Haberá stands das adegas no Paseo da Calzada, o Túnel do Viño no Salón Peña, os concertos na Praza de Fefiñáns e o Xantar de Confraternidade no Pazo Torrado, entre outras citas que non poden perder.

A conta atrás xa está en marcha en Cambados. En 19 días o concello mergullarase na súa semana grande.

A festa cumpre a súa septuaxésimo segunda edición e chega cunha programación cargada. A inauguración será o mércores ás 12 do mediodía, cun pregón que correrá a cargo de Victoria Oubiña.

Das actividades relacionadas directamente co viño, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas volverá montar as súas casetas no Paseo da Calzada. Participarán 44 adegas.

Outra cita importante do sector é a cata-concurso, na que xa hai 67 adegas inscritas. Ademais, o Salón José Peña repetirá como sede doutro dos pratos fortes: o Túnel do Viño. A entrada terá un custo de 25 euros e os asistentes contarán co apoio de sumilleres nas súas catas.

En canto ás actividades máis lúdicas e festivas, o concello ten lista unha programación sen tregua. Haberá concertos de mércores a sábado na Praza de Fefiñáns, con The Rapants, Miranda ou Brian Mayers. Na praza do Concello actuarán as orquestras. Ademais, haberá pasarrúas ou sesións DJ no marco da Nortada Electrónica.

O domingo 4 de agosto, día da despedida da Festa, celebraranse o acto de nomeamento das donas e dos cabaleiros do Capítulo Serenísimo, o xantar de confraternidade en Pazo Torrado e a entrega de premios aos viños gañadores da cata-concurso.

Este ano para as casetas do Paseo da Calzada o Consello Regulador adquiriu 42.000 cataviños, os mesmos que se venderon na edición do 2023. Nesta Festa de Albariño, como novidade, ademais do logo de Rías Baixas a copa incorporará o de Cambados Cidade Española do Viño.