Cambados estuda mobilizarse para amosarlle á Xunta o seu malestar pola negativa de mercar o asilo

CAMBADOS> O Concello de Cambados amaga con convocar mobilizacións  para instar á Xunta a que merque o asilo da vila. O alcalde de Cambados acusa ao goberno galego de maltratar ao municipio ante a súa reiterada negativa de facerse co Pazo de Montesacro. A moratoria de tres meses concedida pola orde ao concello xa expirou, polo que en calquera momento o histórico inmoble podería ser vendido.

A operación para a compra do Pazo de Montesacro que alberga o asilo de Cambados é cada vez máis complicada. A moratoria de tres meses que concedeu a orde relixiosa ao concello vén de expirar sen que a administración dese colleitado os apoios precisos para xunta-los 3,8 millóns de euros para mercalo. Ante esta situación, o alcalde cambadés estuda mobilizacións como a última vía.

Saír á rúa, explica Lago, é a derradeira baza que lle queda a Cambados logo dos reiterados ‘non’ que recibiu en tódalas portas da Xunta nas que petou.

Tamén acusa de falta de apoio á Deputación. O seu presidente, ao igual que o da Xunta, tampouco se quixo reunir co rexedor cambadés.

O alcalde recoñece que a situación é complicada e que en calquera momento podería salta-la noticia da venda do pazo.

E engade que se iso se produce, esixirán á Xunta que se comprometa a construír en Cambados unha nova residencia, lembrando que o concello xa amosou a súa disposición a merca-los terreos precisos.