O Salón do Libro de Pontevedra recupera a súa esencia, con Euskadi como territorio convidado

PONTEVEDRA> A arte será o tema protagonista da edición de 2022 do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Esta mañá o concello desvelaba os primeiros detalles dunha edición que aspira a recupera-lo formato previo á pandemia. Vaise celebrar entre o 11 e 27 de marzo e como territorio convidado, Euskadi.

Pontevedra comeza a escribi-las primeiras páxinas da XXIII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. A cita vai ser do 11 ao 27 de marzo de 2022. Desta volta, a arte será o eixo condutor do evento, un tema que dende hai tempo viñan suxerindo moitos centros educativos. Arte e creatividades trataranse como o gran motor do mundo. Entre os xéreros terá un peso prioritario a banda deseñada.

Na edición de 2022, o Salón contará con Euskadi como territorio convidado, logo de que na edición deste ano se prescindira desta parte.

A intención da organización é poder recupera-lo formato habitual do Salón, previo á pandamia, e con tódolos actos dentro do Pazo da Cultura. Manterase, iso si, a parte online aínda que cun peso moito menor.