PONTEVEDRA> A sección sindical de Comisións Obreiras en ENCE aférrase á adscrición dos terreos da fábrica ao Porto de Marín como a solución para garantir a súa continuidade en Lourizán. Insisten en que esta é a única opción viable para evitar a desaparición dos seus postos de traballo, por iso levarán un informe que apoia a súa legalidade á vindeira reunión da mesa de diálogo co Goberno Central. Un encontro para o que aínda non hai data, polo que acusan ao executivo de falta de interese.
Adscribir os terreos de ENCE ao Porto de Marín é, segundo Comisións Obreiras, a única solución viable para garantir a continuidade da fábrica e dos postos de traballo.
Os recursos presentados no Tribunal Supremo manteñen a vía xudicial aberta pero, se non prosperan, esta será a opción que defendan. E criticaron ao presidente do comité de fábrica, da CIG, por insistir no traslado.
Os delegados de persoal de Comisións Obreiras aseguran que contan cun informe que respalda a legalidade da medida, que xa fora descartada hai anos. A intención é presentar o documento na vindeira mesa de diálogo co Goberno Central, para a que aínda non hai data fixada.
Acusan ao goberno central de falta de interese. Algo que, aseguran, quedou demostrado despois de que nin o presidente Pedro Sánchez nin as ministras Nadia Calviño e Yolanda Díaz se reuniran cos traballadores no seu paso por Galicia. Tamén criticaron o dispositivo policial do venres na Illa da Toxa durante o Foro, que aproveitaron para manifestarse.
Hoxe tamén anunciaron que preparan unha nova mobilización masiva. Aínda non hai data, pero agardan contar con todos os traballadores directos e indirectos de ENCE e co apoio da veciñanza.