Seis proxectos optan a incorporarse ao primeiro andar do Mercado de Abastos de Pontevedra

PONTEVEDRA> Seis novos proxectos gastronómicos optan a incorporarse ao primeiro andar do Mercado de Abastos de Pontevedra. Segundo a concelleira responsable da área, Anabel Gulías, todas son propostas diversas e con forte conexión coa identidade da praza. Gulías anunciou tamén que o inicio das obras previstas na planta baixa é inminente.

Un obradoiro de mercado que incluirá demostracións culinarias e talleres participativos para visibilizar o produto local e de tempada; un cocedoiro que permitirá degustar os produtos na praza ou levalos a domicilio, unha sandwichería artesanal baseada na elaboración de focaccias e na fusión da gastronomía galega e arxentina; un proxecto centrado na pizza artesanal con masas inspiradas no pan de bola galego e unha opción de comida mexicana. Son as novas propostas que optan a incorporarse ao primeiro andar do Mercado de Abastos de Pontevedra.

A última das propostas refírese á continuidade da Fervella, o único negocio que continúa aberto da etapa anterior.

Sobre os vindeiros pasos, de forma inmediata procederase á apertura da oferta económica. Unha vez asinados os contratos, os adxudicatarios terán un prazo máximo de tres meses para executar as obras de adaptación. O concello confía en que estean en marcha este outono.

Ante a previsión de que catro dos dez postos ofertados poidan quedar vacantes, Gulías adiantou que o concello xa traballa nunha nova licitación con pregos máis flexibles.

En canto ás obras previstas para a planta baixa do mercado, a intención do goberno local é que comecen de xeito inminente. O vindeiro luns o goberno local manterá unha reunión coas concesionarias para coordinar a loxística das obras e minimizar o impacto na actividade.