PONTEVEDRA> O novo emisario submarino da ría de Pontevedra estará rematado a finais deste 2022. Así o calculan dende a Xunta de Galicia, que apuntan a que as obras avanzan a bo ritmo. A instalación sumaríase ao funcionamento da depuradora dos Praceres, cuxa ampliación xa rematou e traballa actualmente en fase de probas. A explotación conxunta de ambos equipamentos podería ser unha realidade no 2023.
Avanzan a bo ritmo as obras do novo emisario submarino da ría de Pontevedra. De cumprirse os prazos, podería estar rematado este mesmo ano e xa no 2023 funcionar de xeito conxunto coa depuradora dos Praceres.
Actualmente os traballos céntranse no treito do túnel de máis de 700 metros, pensado para non danar os bancos marisqueiros da zona. Unha obra complexa, que levou a incrementar en 2 millóns de euros o investimento da Xunta.
Este emisario completará o funcionamento da depuradora dos Praceres, que trala súa ampliación está a traballar en fase de probas que se prevé estea rematada no verán. Trátase da cuarta máis grande de Europa en tecnoloxía, e tivo un investimento de 16,5 millóns de euros.
A obra do novo emisario conta cun investimento de 12 millóns de euros e, xunto á da depuradora, forma parte do plan de saneamento da ría de Pontevedra redactado pola Xunta.