Pontevedra reabrirá o ‘botellódromo’ ao considerar que as limitacións da Lei de Saúde non afectan ao Recinto Feiral

PONTEVEDRA> Pontevedra reabrirá o coñecido como botellódromo do Recinto Feiral. Ao tratarse dun espazo con consideración dotacional, dende o concello consideran que non está afectado pola Lei de Saúde Pública de Galicia e a súa prohibición de beber alcohol en espazos públicos. Para o goberno local é unha solución ao problema dos botellóns que levan semanas celebrándose na Zona Vella, xerando o descontento entre os veciños.

Pontevedra recorrerá á reapertura do coñecido como botellódromo do Recinto Feiral para evitar os botellóns que se veñen rexistrando nas últimas semanas na Zona Vella, enfadando a veciños e hostaleiros. A medida funcionou no 2008 cunha ordenanza que rematou con este problema que se daba en diferentes espazos do Casco Histórico, como o Campiño de Santa María.

Este mesmo luns a voceira do goberno, Anabel Gulías, sinalaba que a modificación do mes de febreiro da Lei de Saúde Pública de Galicia impedía retomar este uso. Pero hoxe a edil Carme da Silva apuntaba que a consideración dotacional do espazo permitíalles evitar aquí a prohibición de beber alcohol en espazos públicos que recolle a norma autonómica.

O goberno local xa recolleu a opinión dos servizos xurídicos do concello. A lei establece a prohibición de consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas e outros lugares de tránsito público, polo que consideran que o recinto feiral quedaría fóra.

Nun primeiro momento estas reunións permitiranse no recinto feiral xa dende esta fin de semana, pendentes iso si das condicións que poida poñer a Xunta ao levantamento do estado de emerxencia sanitaria anunciado esta mañá polo presidente Núñez Feijóo. Ao igual que sucedera no 2008, o concello ten a intención de programar actividades no recinto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí