PONTEVEDRA> Montar unha fábrica de tabaco clandestina nunha nave de Cerponzóns, en Pontevedra. Eran os plans dun veciño de Poio. Proxecto que frustrou unha operación conxunta da Axencia Tributaria e a Policía Nacional. No marco das investigacións, bautizadas como Tempus Sisha, incautáronse tamén 142 quilos de tabaco de contrabando e o material necesario para a súa fabricación. O principal sospeitoso tiña antecedentes por contrabando de tabaco.
A operación Tempus Sisha rematou cos plans de instalar unha fábrica de tabaco clandestina nunha nave da parroquia pontevedresa de Cerponzóns. No marco das pesquisas, levadas a cabo entre a Axencia Tributaria e a Policía Nacional, tamén se incautaron 142 quilos de tabaco de pipa e material para o seu manexo e produción.
Detrás destes plans estaría, segundo as pesquisas, un home natural de Ponte Caldelas e veciño de Poio con antecedentes por contrabando de tabaco que xa foi detido. Foi precisamente un envío clandestino do que tiveron coñecemento os axentes o que puxo o foco sobre este sospeitoso. Despois, localizaron o tabaco na nave de Cerponzóns valorado nuns 11.000 euros.
Este tabaco está incluído no ámbito de aplicación do Imposto Especial sobre os Labores do Tabaco. A investigación está agora en mans de Aduanas e Impostos Especiais da Delegación Especial da Axencia Tributaria en Galicia para a incoación do procedemento sancionador por infracción administrativa de contrabando de tabaco.