PONTEVEDRA> Sobre o futuro do campus de Pontevedra falou nesta visita o reitor da Universidade de Vigo. Manuel Reigosa e o seu equipo están a traballar no deseño do futuro do campus para os vindeiros 20 anos. Recoñeceu que actualmente hai varias opcións sobre a mesa que permitirían a reorganización das titulacións. Entre elas, o posible uso do Hospital Provincial, que non estaría dispoñible ata o remate das obras do Gran Montecelo no 2026.
A Universidade de Vigo traballa na reorganización do campus de Pontevedra. Un dos primeiros retos que ten sobre a mesa é atopar unha localización definitiva para o Grao de Deseño, que actualmente se imparte no edificio da Xunta en Benito Corbal. Entre as posibilidades está a construción dun novo edificio na parcela de Tafisa que cedería o concello de Pontevedra.
Pero o traballo de Reigosa e o seu equipo vai máis aló do Grao de Deseño. Un dos seus obxectivos é plantexar un campus en Pontevedra para os vindeiros 20 anos.
Sobre o uso universitario do Hospital Provincial, o reitor recoñeceu que sería unha localización ideal para a nova Facultade de Enfermaría e para reorganizar Fisioterapia. A universidade estaría disposta a agardar ata o 2026, data na que o edificio quedaría libre tralo remate das obras do Gran Montecelo.
En canto a esta nova Facultade de Enfermaría, terá docencia única e estará presente nos tres campus: Pontevedra, Vigo e Ourense.