PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra estrea marca institucional. Chámase ‘Responsábeis’ e pon o foco no compromiso e os pequenos esforzos de toda a veciñanza para construír a Pontevedra do futuro. A campaña supón un decálogo de obxectivos que van dende o coidado do planeta ata o amor pola cidade e a equidade social. Conciencia, compromiso e solidariedade son os sinais de identidade desta nova marca.
Conciencia, compromiso e solidariedade. Son os sinais de identidade da marca que hoxe estreou o concello de Pontevedra. Chámase ‘Responsábeis’ e é unha invitación á cidadanía para construír a Pontevedra do futuro.
Baixo o lema ‘Responsábeis. Pontevedra, máis para vivir mellor’ pretende dar un paso máis aló do Efecto PO2, a anterior campaña do concello. Cunha imaxe moderna e próxima, busca representar o espírito que marca a folla de ruta do goberno.
A nova marca institucional contempla tamén un decálogo de obxectivos, que van dende o coidado do planeta ata o amor pola cidade e a equidade social.
Para divulgar a marca entre a veciñanza, o Concello activou a páxina web pontevedra.gal/responsabeis. Nela recóllese a imaxe da campaña e os seus obxectivos, así como as accións máis importantes baixo o seu paraugas.











