O Estado descarta adscribir os terreos de ENCE ao Porto de Marín para manter a pasteira en Lourizán

PONTEVEDRA> Sen avances na negociación sobre o futuro de ENCE. A terceira mesa de diálogo que se celebrou esta mañá en Pontevedra rematou sen acordos entre as diferentes partes, que se manteñen nos seus posicionamentos iniciais. No encontro, o representante do Goberno Central descartou a posibilidade de adscribir os terreos de ENCE ao Porto de Marín e comprometeu a realización dun estudo buscando localizacións alternativas.

Foron case tres horas de reunión que remataron sen avances pero a terceira mesa de diálogo polo futuro de ENCE si que serviu para que o Goberno central descartara definitivamente a posibilidade de adscribir os terreos da pasteira ao porto de Marín.

Morán explicou que o executivo estatal fará un estudo para buscar localizacións alternativas para ENCE dentro de Galicia. Ademais, ofreceu o apoio económico á pasteira para montar outra factoría, nunhas condicións que se negociarán nun encontro bilateral entre o Goberno central e o presidente de ENCE.

Pola súa banda, a empresa insiste en que a día de hoxe o traslado non é posible e que non existen localizacións alternativas en Galicia. Así as cousas, ENCE asegurou que estudará as opción que se plantexen.

Tamén sentaron o concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia, con posturas radicalmente opostas. Mentres que o goberno local insiste en que o traslado é a única opción viable, o executivo autonómico defende a adscripción dos terreos de ENCE ao Porto de Marín.

A Xunta de Galicia agarda a coñecer o pronunciamento do Consello Consultivo sobre a posibilidade de adscribir os terreos da pasteira ao Porto de Marín. Un informe que dende o Estado xa recordaron que non sería vencellante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí