O PP reclama a dimisión do alcalde de Pontevedra ‘por mentir’ sobre os permisos da súa vivenda

PONTEVEDRA> O Partido Popular de Pontevedra reclama a dimisión inmediata do alcalde. Os populares rescataron a polémica pola falta de licenza de primeira ocupación da vivenda de Miguel Anxo Fernández Lores. Rafa Domínguez presentou hoxe o permiso de obra da casa que si recolle a obrigatoriedade de solicitar esta licenza. Domínguez asegura que mentiu para agochar o tema. Da banda do executivo local, César Mosquera insiste en que a casa é perfectamente legal e que nunca se mentiu sobre a tramitación.

Volve avivarse a polémica sobre a casa do alcalde. O Partido Popular reabría hoxe o asunto  achegando nova documentación tras ter acceso ao expediente.

Segundo este documento, a licenza de primeira documentación xa era necesaria no ano 1997, cando se construíu a vivenda. Por iso os populares reclaman a dimisión de Miguel Anxo Fernández Lores por mentir.

Domínguez apunta que na actualidade a vivenda é legal e asegura que as súas críticas diríxense agora á xestión que o BNG fixo das súas acusacións.

O requisito desta licenza de primeira ocupación que recolle o permiso de construción choca coa versión dada ata o de agora polo goberno local. Afirmaron que a vivenda non precisaba en 1999 esta licenza porque o permiso de obra foi concedido antes de que entrara en vigor a ordenanza municipal que a fixo obrigatoria. Hoxe o concelleiro César Mosquera, responsable de urbanismo cando rematou a construción, negaba calquera mentira.

Segundo Mosquera, o criterio municipal é solicitar esta licenza só no caso de promocións de vivendas colectivas.

Mosquera sinalou que o propio Rafa Domínguez acolleuse a esa instrucción municipal. Aínda que viviu na súa nova casa dende abril do 2020, non lle foi concedida a licenza de ocupación ata xullo dese ano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí