Avanzan en tempo e forma as obras do parque da Parda, que será unha realidade no 2027

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra mantén as súas previsións: o parque da Parda estará rematado no ano 2027. Hoxe o alcalde visitou os traballos que, asegurou, avanzan en tempo e forma. De feito, Miguel Anxo Fernández Lores confía en que se poidan acurtar os prazos e que as obras da que será a maior zona verde da cidade estean rematadas antes da data límite. A intervención conta cun orzamento de 5,3 millóns de euros.

Dous meses despois do seu inicio, as obras do futuro parque da Parda avanzan en tempo e forma. O concello de Pontevedra mantén a previsión inicial e calcula que os traballos estarán rematados no 2027. Así as cousas, intentarase acurtar esta previsión.

A actuación céntrase actualmente na preparación dunha plataforma a 23 metros e medio sobre o nivel do mar, que estaría un pouco máis elevada nalgúns puntos da parcela de 34.650 metros cadrados. A intervención ten un orzamento de 5,3 millóns de euros e conectará a Cidade da Xustiza coas rúas Entrevías e Otero Pedrayo.

Unha das características deste parque será a presenza dun río artificial, froito da canalización de varios olleiros que se atopan na zona, e que atravesará a parcela.

Os traballos de construción deste parque contemplan tamén outro dos proxectos que o goberno local ten para o futuro desta parcela. Así, reservaranse 10.000 metros cadrados para o pavillón de deportes.

Na parcela construirase ademais un aparcadoiro con máis de 200 prazas e un gran parque infantil na zona máis próxima ao acceso polos xulgados. Tamén se poderá entrar no espazo pola rúa Entrevías, onde haberá outro pequeno aparcadoiro.