VILAGARCÍA> Importante golpe ao tráfico de drogas. Unha operación internacional permitiu a incautación dun veleiro con 5,2 toneladas de cocaína a bordo. Con el, caeu tamén o que se considera un dos líderes da trama: o vilagarcián Carlos Silla. Silla estaba en busca e captura por outro transporte de cocaína frustrado en marzo do ano pasado.
5,2 toneladas. Trátase da maior contía de cocaína da historia intervida a bordo dun veleiro. A cooperación internacional permitiu interceptar a embarcación en augas do Atlántico no marco dun operativo no que se detiveron tres persoas. Entre elas, o que se considera un dos líderes da trama: o vilagarcián Carlos Silla, un dos nomes máis importantes do narcotráfico actual. As pesquisas relacionan a Silla co macroalixo de casi 4 toneladas de cocaína incautado fronte á ría de Arousa en pleno confinamento, en marzo de 2020. Dende entón, estaba en paradoiro descoñecido. Os outros dous detidos eran coñecidos pola Policía Nacional pola súa estreita relación cos integrantes dun dos mái simportantes grupos de lancheros da ría arousá.
O veleiro cargaba 183 fardos de cocaína. As pesquisas comezaron a principios deste ano, apuntando á existencia dunha organización multinacional dedicada á exportación desta droga dende Colombia e Venezuela a Europa. Facíao empregando embarcacións de recreo como veleiros e iates.
A principios de agosto informouse do veleiro que faría o transporte e xa en setembro se soubo que iniciara a viaxe de volta a España. Segundo os plans da rede, a droga recolleríase en determinadas coordenadas do océano no sur da Península Ibérica. Os axentes abordaron a embarcación o pasado 16 de outubro.