CAMBADOS> Morre un home de 31 anos en Cambados tras ser ferido de bala por un policía. Ocorreu nunha vivenda de Corbillón contra as 6 e media da mañá deste martes. Sucedeu no marco dun operativo antidroga levado a cabo dende primeira hora en varios puntos do Salnés. Leváronse a cabo unha vintena de rexistros en Vilanova, Cambados, Ribadumia e Vilagarcía, que deixarían unha ducia de detidos. Esta operación continúa en marcha ao tempo que se abriu unha investigación para aclarar as causas do tiroteo mortal de Cambados. A familia nega que o varón tiverse relación co narcotráfico e asegura que estaba desarmado.
Un home de 31 anos faleceu este martes en Cambados tras recibir un disparo, supostamente, efectuado por un axente da Udyco da Policía Nacional. Os feitos aconteceron nunha vivenda de Corbillón, onde se tería levado a cabo un rexistro no marco dun dispositivo antidroga despregado por distintos puntos do Salnés.
Os axentes terían irrompido no seu domicilio contra as 6 e media desta mañá. Unha hora despois ingresaba no Hospital do Salnés, que confirmaba o seu falecemento ‘logo de agravarse de forma crítica o seu estado de saúde’.
En declaracións a Canal Rías Baixas, a moza da vítima nega que producise un intercambio de disparos porque -asegura- o mozo estaba desarmado. Segundo a súa versión, a policía entrou na casa mentres estaban durmindo e a continuación foi cando se produciu o único disparo.
O falecido era un dos investigados en relación co tráfico de drogas. A moza nega calquera tipo de relación do seu mozo co narcotráfico.
A Garda Civil abriu xa unha investigación para esclarecer as circunstancias nas que se produciu a morte do home. O alcalde de Cambados amósase consternado polos feitos. Samuel Lago pide cautela mentres non se aclara o sucedido.
Lanza tamén unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza porque -apunta- é un feito illado.
Estes feitos tiveron lugar no marco dun operativo antidroga que arrancou xa na madrugada deste martes por distintos puntos da comarca. No Salnés houbo rexistros en vivendas, naves e garaxes de Vilanova, Cambados, Ribadumia e Vilagarcía. Tamén nun domicilio en Vigo e noutro en Madrid. En total, o dispositivo deixa 12 persoas detidas. Pasarán a disposición xudicial este vindeiro xoves. A operación continúa aberta e está baixo segredo de sumario.











