A reforma integral da Praza da Liberdade estará rematada no 2024

PONTEVEDRA> No 2024, a Praza da Liberdade, en Pontevedra, terá un aspecto completamente renovado. O concello porá en marcha unha reforma integral para facer a contorna máis verde e amable. Tamén terá un novo uso a antiga cafetería, que se converterá nun local social xestionado pola Federación Castelao. Unha actuación que conta cun investimento de 450.000 euros cofinanciados con fondos europeos.

O concello de Pontevedra ten lista a reforma integral da Praza da Liberdade. Trátase dunha actuación que busca mellorar toda a contorna e facela máis verde, así como reordenar os espazos e as circulacións na praza.

O proxecto contempla a creación dunha cuberta verde sobre o aparcadoiro soterrado. Unha intervención que conta cun orzamento de máis de 130.000 euros con fondos da Fundación Biodiversidade.

Nesta nova imaxe da Praza da Liberdade tamén está prevista unha nova vida para a antiga cafetería. Está pechada dende xaneiro de 2018 e a sua licitación quedou deserta ata en dúas ocasións. Por iso o concello decidiu convertela nun local social que estará xestionado pola Federación Castelao. O baixo que ocupan actualmente quedará para almacenaxe do concello.

A reforma está en fase de anteproxecto. A intención é contratar o proxecto de execución nos vindeiros días para despois sacala a contratación. As obras teñen un orzameto de 450.000 euros cofinanciados con fondos europeos e estarán rematadas no 2024.