Pontevedra será o epicentro dunha investigación de prevención do cancro de colon

PONTEVEDRA> Pontevedra será o epicentro dunha investigación de prevención do cancro de colon. O proxecto contará cunha axuda de 270.000 euros da Asociación Española Contra o Cancro na cidade. A investigación estará capitaneada polo doutor David Posada, membro do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo.

A Asoación Española contra o cancro en Pontevedra entregou hoxe as súas axudas á investigación contra esta doenza. En total, outorga catro subvencións cunha partida que rolda os 280.000 euros. Tres delas están destinadas a prácticas de laboratorio. A outra, para a que se destinan máis de 270.000 euros tentará determinar se o conxunto de bacterias e virus presentes no colon poden axudar a predeci-la posibilidade de que unha persoa acabe sufrindo a doenza.

O doutor David Posada, membro do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, é o responsable deste proxecto. Contará cun equipo de cinco persoas que desenvolverá esta investigación durante os vindeiros tres anos. Reivindica máis investigación como a esencia da loita contra o cancro.

Malia a importancia desta investigación, o doutor quítalle ferro á relevancia social do proxecto, defendendo que el só fai o seu traballo.

A investigación que agora comezan testará a 150 doentes, dos que fará unha análise xenómica dunha mostra de feces cun seguimento durante os vindeiros anos. O estudo inclúe tamén a creación dun test rápido non invasivo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí