Os premios Martín Códax reivindican ‘dignificar’ a música na volta aos escenarios tras a covid

PONTEVEDRA> Os premios Martín Códax da Música volven enche-lo Pazo da Cultura de Pontevedra. A gala serviu para reivindica-la dignificación do sector, nun momento especialmente complicado pola pandemia. O evento galardoou 18 proxectos musicais, cunha mención honorífica ao produtor e técnico de son Pablo Barreiro.

Foi unha gala para o reencontro e para as reivindicacións. Despois de ano e medio de pandemia, os premios Martín Códax da Música volveron enche-lo Pazo da Cultura de Pontevedra, na súa oitava edición. Coa esperanza de superar axiña a crise sanitaria, o sector aproveitou para reivindicar o actual contexto como unha oportunidade para dignifica-la profesión. Porque a normalidade que reivindican para o sector non é a vella, senón unha nova que deixe atrás as eivas que veñen arrastrando.

O último ano e medio supuxo para aqueles que viven da música un auténtico desafío. Malia á difícil situación, foron máis de 400 os proxectos que se presentaron a esta edición dos Martín Códax da Música.

A banda da Loba, Moon Cresta, Brais Morán, N.E.O., MJ Pérez, Wöyza, The Skarnivals, Allova, Alberto Vilas, María Toro, Xurxo Fernandes & Pedro Lamas, Caamaño & Ameixeiras, Lamas / De Miguel / Romero, Radio Bulebule, Bafana Bafana, o Coro da Ra e a Banda de Música de Chantada. Estes son os proxectos galardoados nesta oitava edición. A eles súmase o premio honorífico para Pablo Barreiro: produtor, compositor e técnico de son, responsable durante máis de tres décadas do arquivo sonoro da Radio Galega.

Martín Códax é o patrocionador destes premios, promovidos por Músicas ao Vivo, que contan ademais co apoio do Concello de Pontevedra, a Xunta e a Deputación de Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí