Pontevedra crea ‘Híbridas en Santa Clara’ para encher de cultura a igrexa do convento

PONTEVEDRA> Nace en Pontevedra “Híbridas en Santa Clara”, a proposta coa que o concello quere encher de contido a igrexa do antigo convento. O programa engloba seis ciclos diferentes con ata 32 propostas artísticas, pensadas específicamente para a contorna. Música, cine, danza. Todo completamente gratuíto.

A maquinaria do concello de Pontevedra traballa para encher de contido o edificio de Santa Clara. Catro meses despois de asinar a súa compra estréase ‘Híbridas en Santa Clara’, coa igrexa do antigo convento como escenario.

Música folk e clásica, cine, danza. Diferentes disciplinas artísticas que dan forma a esta proposta, que se divide en seis ciclos con ata 32 propostas artísticas para os meses de abril e maio.

‘Híbridas en Santa Clara’ comeza o 8 de abril co concerto de Caamaño e Ameixeiras, no arranque do ciclo Mesturas, para poner en valor o papel da muller. Sons no Retablo, con música clásica, Música sen palabras, coa proxección de películas de cine mudo acompañadas de música en directo, Desconecta, pensado para que o público se evada a través das actuacións, Pianos e o ciclo Danza, son os paraugas que engloban as diferentes actuacións.

Unha das actuacións destacadas será o 17 de maio, Día das Letras Galegas, no marco do ciclo Sons no Retablo.

Para deseñar todo este programa, o concello destinou unh partida duns 120.000 euros. A entrada a todas as actuacións será de balde ata completar a capacidade, ao redor de 155 persoas sentadas. Se a normativa covid o permite, poderán ampliarse co público de pé.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí