A AECC renova o seu banco de perrucas para atender as demandas de pacientes máis novas

PONTEVEDRA> A Asociación Española contra o Cancro ofrece unha atención integral aos pacientes que padecen esta enfermidade. Na súa sede en Pontevedra contan ademais cun dos servizos máis demandado: o banco de perrucas. Cada vez son máis e máis novas as mulleres que recorren a el para diminuír o impacto que pode ter a enfermidade nelas e na súa contorna. Por iso veñen de ampliar os seus fondos e xa contan con preto de 200 perrucas que se prestan de xeito gratuíto a quen as solicite.

Case 200 perrucas compoñen o banco da Asociación Española contra o Cancro en Pontevedra. Hainas con peiteados longos e curtos, morenas e loiras, con e sen mechas, e todas buscan o mesmo: facer máis levadeiro o proceso oncolóxico das pacientes.

A asociación está a detectar que incrementa a demanda destes recursos. Tanto é así que ultimamente ampliaron o fondo coa compra de 18 perrucas. Tamén para adaptarse ás demandas dunhas usuarias cada vez máis novas.

Con este banco, a Asociación Española Contra o Cancro ofrece gratis un recurso que é caro. As perrucas de pelo sintético roldan os 600 euros; unha contía que supera os 1.000 se falamos de pelo natural. Prezos que non están ao alcance de todos os petos.

No que vai de ano levan prestadas ao redor dun cento de perrucas. Cando a usuaria non as precisa máis, volven ao banco e se preparan para axudar a unha nova paciente.

O banco complétase ademais coas perrucas que se realizan a partires das doazóns de pelo natural que recibe a asociación. Na súa sede recollen as coletas doadas, que deben medir ao redor dos 35 centímetros e que despois se envían a unha empresa especializada que elabora novos postizos.

Unha roda que non frea para axudar cada vez a máis pacientes a sobrelevar o duro impacto da enfermidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí