PONTEVEDRA> A Gran Recollida do Banco de Alimentos xa ten cara visible este 2021. O actor vigués Pedro Alonso, mundialmente coñecido polo seu papel como Berlín na serie A Casa de Papel, será o padriño da campaña deste ano. Onte estivo na sede do banco en Pontevedra.
Foi o bispo Horacio Casares na serie Padre Casares, Diego Murquía en Gran Hotel e Berlín en La Casa de Papel. E dende onte é oficialmente o padriño da Gran Recollida do Banco de Alimentos deste ano.
O actor vigués ten unha ampla traxectoria na televisión pero o seu papel de Berlín en La Casa de Papel valeulle fama mundial. Un recoñecemento que agora pon ao servizo desta campaña da entidade.
A Gran Recollida desenvolverase entre o 19 e o 25 de novembro en supermercados de toda a provincia. Ao igual que o ano pasado non se realizarán entregas físicas de alimentos. Os que queiran colaborar poden facer donativos en Caixa ou facer achegas económicas seguindo as indicacións da web www.bancoalimentosvigo.org.
Este ano a entidade agarda superar a recadación do ano pasado. Aínda que no marco da pandemia a demanda de alimentos aumentou un 25%, na Gran Recollida do 2020 conseguíronse máis de 400.000 quilos de comida.