Os adoptantes dos Palleiros poderán acceder a cursos gratuítos de educación canina

PONTEVEDRA> Concello de Pontevedra, clube Diverti Cans e Protectora Os Palleiros irán da man para facilitar a adaptación dos cans adoptados ás novas familias. Dende xa, calquera persoa que adopte no refuxio municipal poderá acceder a un curso de dous meses totalmente gratuíto nas instalacións do clube para aprender a entender e manexar o animal. Precisamente, recibir este tipo de formación antes de facerse cun can é un dos requisitos que recolle o anteproxecto da Lei de Protección e Dereitos dos Animais do Goberno central.

Pontevedra adiántase á Lei de Protección e Dereitos dos Animais. Mentres a nivel estatal debátese o contido do anteproxecto, concello, clube Diverti Cans e Protectora Os Palleiros irán da man para ofrecer cursos a todos aqueles que adopten no refuxio.

A formación será totalmente gratuita e impartirase nas instalacións de Diverti Cans. Durante dous meses, o novo adoptante poderá aprender como relacionarse co seu can e como comprender a súa linguaxe para facilitar a súa adaptación á familia.

Non hai ningunha limitación. O único requisito é que o can sexa adoptado na protectora Os Palleiros.

Esta formación farase extensible á directiva dos Palleiros e aos seus voluntarios. Tamén poderán acceder a cursos gratuítos nos vindeiros meses.

Esta colaboración é totalmente altruista por parte de Diverti Cans e non supón ningún investimento extra para o concello.  Trátase dun paso máis no proxecto ‘Bo cidadán canino, boa cidadá canina’ que se está a desenvolver na cidade con cursos para particulares.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí