PONTEVEDRA> Vegalsa-Eroski busca traballadores para o novo supermercado que abrirá en novembro no polígono do Vao, en Pontevedra. Neste proceso, a empresa contou hoxe coa colaboración da Xunta de Galicia. A través do programa Xunta Conecta, a administración galega puxo en contacto o equipo de recursos humanos con persoas interesadas en cubrir ata 60 postos dispoñibles. Esta mañá as oficinas do Servizo Público de Emprego da cidade serviron de punto de encontro entre as dúas partes.
A finais de novembro Vegalsa-Eroski ten previsto poñer en marcha un novo supermercado no polígono comercial do Vao, en Pontevedra. Pero para facelo precisa incorporar ao redor de 60 novos traballadores. Hoxe 30 candidatos participaron nunha xornada especial nas oficinas do Servizo Público de Emprego da cidade.
Estas instalacións do edificio da Xunta na rúa Benito Corbal convertéronse no punto de encontro entre os candidatos e o persoal de recursos humanos da empresa.
Ademais destas entrevistas, os candidatos asistiron a diferentes obradoiros desenvolvidos por orientadores do Servizo Público de Emprego. Todo no marco do programa Xunta Conecta.
En concreto, Vegalsa-Eroski busca persoal para incorporar nas áreas de froitaría, cociña, chacinaría, carnicería, peixería, caixa e reposición. A empresa pechou o ano pasado con máis de 8.000 traballadores e case 300 tendas repartidas en tres comunidades autónomas.











