O Premio Otero Pedrayo recoñece o papel da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra como un referente da cultura en Galicia

PONTEVEDRA> A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra xa é a flamante gañadora do Premio Otero Pedrayo. A cerimonia celebrouse esta mañá no salón de plenos do Pazo Provincial. O galardón recoñece á entidade como un referente da cultura en Galicia, destacando a súa traxectoria intimamente relacionada co Museo de Pontevedra.

O salón de plenos do Pazo Provincial de Pontevedra acolleu hoxe a cerimonia de entrega do Premio Otero Pedrayo. Un galardón que na súa cuadraxésimo oitava edición recaeu na Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra.

O Premio Otero Pedrayo é un galardón que de xeito anual entregan as catro deputacións provinciais galegas, a Xunta de Galicia e a Fundación Otero Pedrayo. Este ano o xurado escolleu á entidade pontevedresa para recoñecer o seu papel como un referente da cultura galega, cando neste 2025 cumpre cen anos de vida.

Segundo Luis López, a entrega deste recoñecemento á Coral Polifónica de Pontevedra é unha mostra do patrimonio cultural que atesora a provincia de Pontevedra. Ademais, dixo que acoller este ano a cerimonia de entrega, que rota polas catro provincias, supón un estímulo na aposta da Deputación pola cultura.

Como non podía ser doutro xeito, a cerimonia de entrega do premio pechou cunha actuación da Coral Polifónica pontevedresa, que interpretou tres pezas ante os asistentes.