PONTEVEDRA> Máis avances nas obras de destape do río Gafos, en Pontevedra. Actualmente os traballos céntranse na renovación dos colectores e a retirada do formigón en Campolongo, coa demolición do canal. Unha tarefa complicada que, polo de momento, cumpre os prazos previstos. O proxecto mantén a previsión de remate no mes de xuño de 2027.
Coa renovación do colector de augas residuais da marxe esquerda rematada e conectada e os traballos de instalación do novo colector da marxe dereita completados nun 50%, as obras de destape do río Gafos avanzan cumprindo o calendario previsto. Polo de momento, mantense o mes de xuño de 2027 como data de previsión de remate do proxecto.
De xeito paralelo, tamén se está a retirar a actual canle de formigón. Os traballos céntranse na demolición da lousa superior e de parte dos muros laterais. Os cascallos empregaranse na construción dos futuros paseos peonís que discorrerán pola contorna.
Ao tempo, xa se executou a cimentación da plataforma situada fronte ao colexio. Ademais, a finais deste mes de outubro iniciarase o traslado do parque infantil localizado en Campolongo.
Co obxectivo de protexer o leito fluvial durante estes traballos, instaláronse barreiras de retención e membranas anticontaminación augas abaixo. Estas medidas impiden que a turbidez, os sedimentos ou os fragmentos desprendidos cheguen á ría ou afecten á calidade da auga. Así mesmo, a execución dos traballos non afecta á actividade escolar dos centros educativos da zona nin da gardaría, xa que se habilitaron accesos dende outras rúas da contorna.











