O PSOE defenderá no pleno de Pontevedra a creación dunha bolsa municipal de vivendas en alugueiro

PONTEVEDRA> O Partido Socialista levará o problema da vivenda ao vindeiro pleno municipal de Pontevedra. A formación presentará unha moción con dúas propostas principais: dunha banda, a creación dunha bolsa municipal de vivendas en alugueiro; da outra, aplicación de incentivos fiscais para introducir pisos baleiros no mercado. Medidas de choque, dixo Iván Puentes, para atacar un problema que preocupa, e moito, a cidadanía.

‘PONenAlugueiro’ é unha das propostas do Partido Socialista de Pontevedra para contribuír a paliar o problema da vivenda na cidade. Trátase dunha bolsa municipal de vivenda en aluguer na que o concello actuaría como intermediario entre propietarios e inquilinos.

Os pisos incluídos nesta bolsa sairían ao mercado cunha renda máxima fixada polo concello. Un prezo que se calcularía en función da zona na que se atope o inmoble e tendo en conta os ingresos dos fogares.

Esta bolsa é unha das medidas que contempla a moción que o PSOE levará ao vindeiro pleno municipal. Un texto que inclúe tamén o estudo de bonificacións fiscais nas taxas e impostos municipais.

Segundo os socialistas, estas serían medidas de choque para abordar un problema que preocupa á cidadanía. En Pontevedra, dixo Puentes, hai un 14% de vivendas baleiras.