Porto do Son acolle o 28 deste mes a primeira proba do Circuíto Trail Series Arousa Neo

PORTO DO SON> O Trail da Ponte en Porto do Son abrirá o circuíto Trail Series Arousa Neo que se completará coas probas de Outes e da Pobra. Todas incluirán tral longo e curto así como unha andaina para os menos experimentados.

Moitas novidades no Trail Series Arousa Neo que comezará o 28 de xaneiro en Porto do Son.  A diferenza das anteriores nas que a proba se viña celebrando en Portosín, nesta edición o percorrido trasládase a zona de Xuño e Queiruga para disputar o Trail da Ponte.

Tamén en Outes, segunda proba do circuíto, apostaron este ano por un cambio de trazado co fin de potenciar a ampla riqueza pasaxística e patrimonial do municipio permitindo ademais disfrutala a un ritmo máis tranquilo para aqueles que opten pola andaina.

A última das novidades é a incorporación da Pobra que, tras dous anos sen participar recupera o Trail San Isidro para pechar o circuíto o día 26 de maio.

Ata o momento xa hai máis dun cento de inscritos para a primeira das probas e ó redor de 70 para o circuíto. Os interesados en participar poden aínda inscribirse ata o próximo luns nas webs trailseries.run ou arousa.com.