Retómase a busca dos dous desaparecidos ao envorcar un kaiak en Porto do Son

PORTO DO SON> Continúa a busca por terra, mar e aire dos dous ocupantes dun kaiak que envorcou onte en Porto do Son.

A terceira ocupante da embarcación foi rescatada a última hora da tarde nunha zona rochosa de difícil acceso. Durante esta pasada noite permaneceu na zona o buque ‘Don Inda’ de Salvamento Marítimo.

A zona de rastrexo amplíase nesta xornada ata Basoñas e a liña de costa dende Praia Río Sieira ata Caveiro. Contra as 7:00 horas desta mañá, un pesqueiro localizaba un chaleco que podería pertencer a un dos homes do kaiak envorcado.

Nesta mañá, intervén por aire o helicóptero ‘Helimer 401’, que será relevado despois polo ‘Helimer 211’. Por mar, participan no dispositivo o ‘Don Inda’, a embarcación ‘Río Xallas’ da Garda Civil e unha lancha de Protección Civil. Ademais, ao longo da mañá uniranse mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS). Por terra, diferentes efectivos están a peitear a zona.