400 taekwondistas daranse cita no Torneo de Promesas Vila do Son

PORTO DO SON> Porto do Son acollerá o 25 de xuño o primeiro campionato de promesas de taekwondo na modalidade de combate. A organización estima que preto de 400 deportistas participarán no torneo que busca promover dende a base un deporte con cada vez máis afeccionados en Galicia.

Promesas do taekwondo de toda Galicia daranse cita o día 25 de xuño en Porto do Son para participar no primeiro torneo Vila do Son. O concello decidiu apostar por este deporte ante o crecente número de deportistas federados no concello.

O campionato desenvolverase en xornada de mañá e tarde; pola mañá competirán infantís e precadetes e pola tarde Cadetes e xuvenís. O feito de facelo durante toda a xornada contribuirá a atraer máis visitantes que mesmo optarán a pernoctar na vila polo que o evento suporá tamén un factor de dinamización turística para o Son.

O torneo, organizado polo Club Natural Sport, conta co apoio da Xunta e da Deputación da Coruña así como da Federación Galega de Taekwondo na súa aposta por promover o deporte dende a base.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí